LugoPatrimonio :: Asociación Cultural


Manuel Miranda e Víctor Mosquera representaron os viciños que na mañá do 15 de abril presentaron 326 sinaturas na delegación de Cultura da Xunta pedindo a paralización da destrución do castro da Atalaia –San Cibrao- Cervo.

Despois, co Presidente e Vicepresidente de LugoPatrimonio e mais Daniel Bispo (Adega) fixeron unha rolda de prensa para falar dos feitos que levaron á destrución total da parcela Nº 1 por parte do empresario que quere construír sobre o castro da Atalaia con licenza concedida polo concello de Cervo, a pesar de COÑECER que aquilo era un castro e tiña que estar protexido.

Quedan, agora, as parcelas Nº 2 e Nº 3. LugoPatrimonio e os presentes na rolda de prensa, e mentres a xustiza non determina as responsabilidades penais que o Fiscal ten sobre a mesa,  insistiron nos seguintes obxectivos que veñen ser o programa inmediato sobre o que traballan: 

  1. Paralización do estrago sobre calquera resto arqueolóxico.
  2. Protección inmediata das parcelas Nº 2 e Nº 3.
  3. Control arqueolóxico rigoroso das escavacións que se levan neste momento, do que debe dar conta a propia delegación da Consellaría de Cultura-D.X. de Patrimonio.
  4. Urxencia da actuación da Fiscalía sobre as  denuncias que se lle presentaron.
  5. Informe inmediato de Patrimonio sobre a importancia dos achados que apareceron e seguen a aparecer e do significado do castro da Atalaia en termos históricos, arqueolóxicos, etnográficos e culturais.
 

Para levar a cabo estes puntos pedimos 

A REUNIÓN INMEDIATA DE REPRESENTANTES DO CONCELLO DE CERVO, DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO, EMPRESA CONSTRUTORA, VECIÑOS DE SAN CIBRAO, ADEGA E LUGOPATRIMONIO

Máis fotos:


Un paseo polos actos celebrados na segunda e última parte celebrada os días 4, 5 e 6 de abril 

O historiador Adolfo de Abel Vilela introduciunos na forma de vivir a festa e outros costumes durante os séculos XVII e XVIII. Completou, por tanto, a conferencia anterior dictada polo profesor Carlos Velasco referida máis aos aspectos políticos, económicos e socio-culturais dese período histórico.  

O restaurador César Carnero incidiu na primeira parte da súa intervención, nos aspectos teóricos que definen a pintura e escultura barrocas galegas. Na segunda, mediante proxeccións fotográficas, fixou dunha forma didáctica o teorizado anteriormente. Para isto valeuse de exemplos recollidos de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela), San Vicente do Pino e A Régoa (Monforte de Lemos),  igrexa do mosteiro de Samos, e outros lugares da nosa xeografía. 

Para concretar o estudado como teoría do barroco galego nas distintas conferencias, os alumnos e alumnas do Obradoiro visitaron durante a tarde do sábado  5 de abril a sancristía, pinturas e altares da igrexa de santo Domingo, os altares da igrexa da Soidade, e a sancristía, claustro, coro e capela da Virxe dos Ollos Grandes da catedral de Lugo. Resultou novidoso para a maioría dos e das participantes, contemplar por primeira vez o impactante decorado da cúpula da sacristía de Santo Domingo. Guiaron as visitas o arquitecto X. A. Carreira, o historiador Adolfo de Abel e Xulia Cantalapiedra, licenciada en Xeografía e Historia. 

O domingo, día 6, os alumnos e alumnas convertéronse en viaxeiros polas terras de Lemos e Sarria para estudar as pinturas da igrexa de San Vicente en Monforte, a arquitectura e estancias do pazo de Tor e a grandiosidade do mosteiro de Samos e a súa igrexa para contemplar obras destacadas dos nosos grandes escultores como Francisco Moure ou Xosé Ferreiro. Guiaron as visitas o restaurador César Carnero e o prior de Samos, Rvdo. D. José Luís Vélez. Este Obradoiro que reuniu arredor de 200 persoas foi clausurado polo noso Presidente, Lois Diéguez e o emocionado e didáctico concerto sobre a música do barroco do grupo vocal SOLO VOCES que, a pesar do frío, tivo que agasallar ao público que enchía completamente a igrexa coa propina de novas composicións. 
 

 

O próximo venres, día 4, comeza a última parte do obradoiro "COÑECER O BARROCO" con dúas interesantes conferencias:

- A festa Barroca, conferencia do historiador Adolfo de Abel Vilela, ás 19:00 h.

-Escultura e Pintura do Barroco galego, conferencia do Restaurador César Carnero, ás 20:00h

O sábado, día 5, visitaremos a catedral de Lugo e outros lugares da cidade.

O domingo finalizará o obradoiro cunha viaxe a Monforte e Samos, onde se realizará a clausura do Obradoiro cun concerto sobre o Contorno da Música Barroca polo grupo Solo Voces.

 


O venres, día 11 de abril, directivos da nosa asociación reuníronse coas que levan adiante o Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba-Chantada), Entroido e Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón), as Fachas de Castelo (Taboada) e as Danzas da Cervela (O Incio), para debater un ambicioso proxecto de consolidación dos ritos e festas que cada ano protagonizan a súa intensa actividade. Este ambicioso Proxecto abrangue diversos aspectos relacionados coa catalogación do patrimonio inmaterial e material de cada un destes puntos e do seu contorno co obxecto de dalo a coñecer para que podamos gozar del. Crear centros de interpretación, locais sociais convenientemente equipados, recuperación e rehabilitación de edificios de interese, mellora das infraestruturas, adecentamento dos lugares e aldeas onde se representan as festas, un circuíto turístico e cultural que sirva para potenciar estes lugares de xeito que se relacione tamén co comercio e a hostalaría, e unha escola permanente onde se ensine durante o ano ás xeracións novas todo o que ten a ver con ditos ritos.

 

 

Os proxectos serán presentados proximamente ás distintas consellarías, deputación e outras institucións relacionadas cos aspectos estudados. A reunión serviu tamén para intercambiar unha longa experiencia de traballo, quedando en repetir periodicamente este tipo de encontro e traballar conxuntamente para a consecución destes obxectivos.

 

 

 

      A Asociación Veciñal de Salcedo, despois da proposta que se lle fixo ao Museo Internacional do Entroido e da Máscara de Binche (Bélxica), foi invitada a viaxar até o Museo para facer entrega do disfrace do Oso de Salcedo e así formar parte das súas colecións e exposicións de maneira permanente.

      A viaxe realizámola, en representación da Asociación Veciñal de Salcedo, o Presidente da mesma (Felipe Castro) e o Concelleiro de Cultura do concello da Pobra do Brollón (Javier González)  partindo, acompañados do disfrace do Oso de salcedo, o 26 de febrero de 2008 e regresando o sábado 1 de marzo, pasando a relacionar o calendario de actividades desenvolvido en Binche:

  • Martes 26:
    • Viaxe Salcedo-Santiago-Madrid-Bruselas.
    • Reunión no aeroporto con Yvón e Ange Marie Dupouy.
    • Traslado á Vila de Binche, acompañados da Directora do Museo, que foi quen nos recibíu e recolleu no aeroporto.
    • Instalación na casa de invitados do Museo de Binche.
  • Mércores 27:
    • Visita guiada ao Museo Internacional do Entroido e da Máscara de Binche.
    • Visita turística pola comarca, acompañados da Directora do Museo.
  • Xoves 28:
    • Preparación do acto oficial da entrega do disfrace do Oso de Salcedo e preparación do disfrace.
  • Venres 29:
    • Exposición sobre os diferentes Osos do Entroido europeo a cargo de Yvón e Ange Marie Dupouy, estudosos dos entroidos e mascaradas europeas.
    • Exposición sobre o Entroido salcedao e o Oso de Salcedo a cargo de Felipe Castro, Presidente da Asociación Veciñal de Salcedo.

     Grazas á nosa visita, tivemos a oportunidade de comprobar a verdadeira dimensión deste museo, comprobando que é o museo máis importante do mundo con respecto a esta temática, reunindo máis de 30.000 pezas, unha superficie de exposición permanente que supera os 300 m2, onde traballan 25 persoas e para o cal está prevista unha ampliación importante por falla de espazo.

     Dicir por último que este museo, xunto coas súas colecións, está declarado Patrimonio da Humanidade e que, polo tanto, o noso Oso tamén forma parte dese patrimonio, cousa que para nós é un grandísimo orgullo porque, xunto con él, está representado o pobo de Salcedo e as súas xentes.

 

Venres, 07 Marzo 2008 23:00

Pauliña para a Igrexa de Compostela


A Pauliña ben merecida para a Igrexa de Compostela e en concreto para os seus responsábeis eclesiásticos por seguir de costas á nosa cultura e idioma ( a información da Catedral só se dá en español) e por manter unha manipulación tal da nosa Historia. É inconcibíbel que o Panteón Real onde están soterrados, Reimundo de Borgoña, Afonso VII, Fernando II e Afonso VIII (que eles chaman o IX), a raíña Xoana de Castro, dona Berenguela ou ese interesante personaxe que foi o conde de Traba, don Pedro Froilaz, siga mesturado coas reliquias da Catedral; e que a información que sobre os personaxes aludidos poñen nas cartelas os defina, segundo os casos, como reis de León e Castela e nunca como reis de Galiza. Coidamos que é urxente que as institucións políticas que nos representan corrixan de inmediato esta afronta.

Venres, 07 Marzo 2008 23:00

Pauliña para a Igrexa de Compostela

A Pauliña ben merecida para a Igrexa de Compostela e en concreto para os seus responsábeis eclesiásticos por seguir de costas á nosa cultura e idioma ( a información da Catedral só se dá en español) e por manter unha manipulación tal da nosa Historia. É inconcibíbel que o Panteón Real onde están soterrados, Reimundo de Borgoña, Afonso VII, Fernando II e Afonso VIII (que eles chaman o IX), a raíña Xoana de Castro, dona Berenguela ou ese interesante personaxe que foi o conde de Traba, don Pedro Froilaz, siga mesturado coas reliquias da Catedral; e que a información que sobre os personaxes aludidos poñen nas cartelas os defina, segundo os casos, como reis de León e Castela e nunca como reis de Galiza.

Coidamos que é urxente que as institucións políticas que nos representan corrixan de inmediato esta afronta.

Venres, 07 Marzo 2008 23:00

Viaxe a Santiago de Compostela

 

LugoPatrimonio desprazou 2 autobuses a Compostela o sábado día sete. 83 persoas participaron durante todo o día nesta fermosas viaxe que ilustrou con exemplos prácticos o explicado nos días anteriores polos conferenciantes. Guías de honor foron, ademais de Xosé Anxo Carreira (barroco da Catedral e de outros edificios), o arqueólogo e profesor Xaime Delgado, que ilustrou co seu maxisterio as partes románicas da catedral, e o restaurador César Carnero que o fixo co impresionante barroco do mosteiro de San Martiño Pinario. 

 

Para ver as fotos visita o caderno de viaxes.

Venres, 07 Marzo 2008 00:00

Xosé Anxo Carreira Montes


(Lugo, 1969). Arquitecto desde 1994. Profesor asociado na ETSAC desde 2001. Coa súa obra participa en diversas exposicións (Moscú, Madrid, Venecia, Washington, A Coruña…) e está recollida en distintas publicacións de carácter nacional e internacional. Membro da Comisión Provincial de Patrimonio Histórico desde 2007. Foi Delegado da Consellaría de Vivenda de Lugo (2005-2007).

Antón Bao, Vicepresidente da Deputación, e Ramón Cortés, delegado de Innovación e Industria en representación do Xacobeo, interviñeron na apertura do Obradoiro, o día 6 de marzo do 2008, xunto co Presidente de LugoPatrimonio (Lois Diéguez) e mais o Vicepresidente (Adofo de Abel) e a secretaria (Tareixa Cabello). LugoPatrimonio ofreceulles a ambas as dúas institucións o agradecemento polo seu patrocinio. De non ser por el, estas xornadas non se terían realizado co esplendor que indubidabelmente mantiveron. 

Despois da apertura do Obradoiro, o historiador Carlos Velasco que foi presentado polo noso Presidente, falou, apoiándose en diversas fotos proxectadas nunha grande pantalla, de como se compoñían as relacións sociais nos s. XVII e XVIII e por que razóns se deu o momento axeitado para que os grandes arquitectos galegos lograsen elevar o estilo barroco galego a níveis internacionais. “Nobres, fidalguía e clero investiron o esforzo do traballo dos nosos labregos principalmente, nos edificios, igrexas e pazos que hoxe podemos admirar”, dixo. 

No segundo día, 7 de marzo, despois da presentación que sobre el fixo o noso Vicepresidente, o arquitecto Xosé Anxo Carreira falou amplamente das características que distinguen a este estilo artístico, parándose nas propias criadas na Galiza. Centrou as súas proxeccións en diversos edificios de Santiago de Compostela, principalmente na Catedral e no mosteiro de San Martiño Pinario. A conferencia, foi seguida, como o día anterior, por máis de 150 persoas que previamente se matricularan neste Obradoiro.

 


 

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Astorga +

    Día 26, sábado Viaxe a Astorga. Saída ás 8 horas. Ler Máis
  • Viaxe a Zaragoza e Tarragona +

    Do 5 luns ao 10 sábado Viaxe a Zaragoza e Tarragona. Saída ás 8 horas. Ler Máis
  • Conferencia de Helena López Gómez sobre “As mulleres en Roma vida e vicisitudes”. +

    Día 13 de maio, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Helena López Gómez, doutora,  Ler Máis
  • 1

Faite Socio

Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.

Ver +info

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO